fbpx



A Ruta Cabalar Os Xinetes do Enxebre vivirá este domingo, 14 de agosto, a súa oitava edición no Monte Castrove. Trátase dunha actividade que conta cunha gran tradición en Poio e que está organizada pola Asociación Os Xinetes do Enxebre, en colaboración co Concello de Poio. A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, participou este luns no acto de presentación, que tivo lugar na Casa Consistorial, acompañada da presidenta do colectivo, Andrea Ucha, e membros da agrupación.

Tal e como explicaron os e as responsables do evento, a saída está fixada para as 10.00 horas do devandito 14 de agosto. As persoas inscritas partirán desde as inmediacións da Casa do Castro, desde onde iniciarán un percorrido que contará con pincho e dúas paradas. Finalmente, ás 14.30 desenvolverase a tradicional comida campestre, que se recupera nesta edición, logo de que en 2021 non se celebrase por mor da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19.

A Asociación Os Xinetes do Enxebre informa, asemade, de que continuará aberto o prazo de inscrición ata este xoves, día 11 de agosto. O prezo do menú é de 30 euros (15 no caso de crianzas). As reservas poden facerse no Bar Enxebre ou chamando ao número de teléfono 627006670. Tamén é posible inscribirse unicamente para o pincho, cun prezo de 5 euros. Tanto a organización como a concelleira de Cultura amosaron a súa confianza en que a cita reúna a un gran número de participantes. Cómpre lembrar que o ano pasado tomaron parte da mesma uns 80 xinetes aproximadamente.

O menú estará composto de entremeses, langostinos, churrasco, bebida, postre, café e chupitos. Habilitarse unha carpa no Monte Castrove para a celebración da comida campestre, para que se poida desenvolver en caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen. A asociación e o Concello de Poio transmitiron tamén o seu agradecemento a todas as entidades e negocios colaboradores, con cuxa axuda tamén se fai posible a celebración desta oitava edición dun evento que, tal e como lembrou Raquel Rodríguez, “é un referente do verán en Poio e serve para poñer en valor unha contorna tan emblemática como o Monte Castrove”

 

 

 

Go to top