fbpx

O sector turístico de Poio pechou o mes de xullo coas mellores cifras de ocupación rexistradas no último lustro. Tal e como informa a tenente de alcalde e concelleira responsable da área, Silvia Díaz (Avante Poio), na segunda quincena acadouse unha porcentaxe de máis do 76%, o que supón o índice de pernoctacións máis elevado desde o ano 2017, cando se superou o 80%. Este incremento tradúcese en case nove puntos máis con respecto a 2021, cando a ocupación quedou fixada no 67%, e sensiblemente superior a 2020, ano no que non se cubriu o 50% das prazas de aloxamento que ofrecen os negocios do municipio.

Díaz explica que os datos que manexan os e as profesionais son “moi positivos”. A tenente de alcalde lembra que “mesmo se superaron os rexistros correspondentes á segunda quincena de xullo de 2019, que foi un ano moi positivo para o sector, e que entón quedou nun 72%”. A responsable de Turismo lembra, asemade, que Poio dispón de preto de 3.700 prazas turísticas, das cales preto de 1.200 corresponden a establecementos hoteleiros e máis de 1.700 a vivendas para uso turístico. En total, a ocupación media durante todo o mes rozou o 65%. “Mantívose a tendencia doutros anos, no que detectamos unha chegada progresiva de visitantes, especialmente a partir da segunda semana do mes”, sinala Silvia Díaz, que tamén incide nas boas perspectivas que mantén o sector de cara ao que resta de verán.  

Ademais das condicións meteorolóxicas que se rexistraron durante as últimas semanas, a edil de Turismo tamén incide nos grandes atractivos que Poio ofrece como destino de primeiro nivel, entre os que se atopan a súa gastronomía, as súas praias e diferentes espazos naturais, así como o seu gran valor patrimonial. Precisamente, o Concello dispón desde hai uns meses dunha renovada web de turismo (www.turismopoio.gal), na que os e as usuarias poden obter información sobre os atractivos do municipio, aloxamentos e citas de interese.

“Estes niveis de ocupación demostran que Poio segue a ser un referente turístico e imos continuar traballando para consolidar o destino máis alá da tempada de verán, de xeito que poidamos atraer a visitantes de forma regular durante os doce meses do ano”, finalizou Silvia Díaz.

 

Go to top