A campaña Festas de Poio Seguras acadou unha estrea nos festexos de San Xoán que resultou moi positiva. O ‘Punto lila’ habilitado nas inmediacións da explanada da Seca durante as noites do 25 e do 26 de xuño, coincidindo cos concertos das orquestras Panorama, Capitol e París de Noia, prestou asesoramento a máis de medio milleiro de persoas de diferentes idades. “Ademais, non se rexistrou ningunha incidencia”, sinala a tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), que lembra que esta iniciativa, que terá continuidade o 26 e 27 de agosto durante o Festival Armadiña Rock de Combarro, ten como obxectivo ofrecer información e asesoramento sobre prevención de violencias machistas e de promoción da igualdade.
En concreto, foron 547 as persoas usuarias que recibiu o ‘Punto Lila’. Segundo o informe elaborado polo Centro de Información á Muller (CIM), rexistrouse unha maior actividade durante a madrugada do 25 ao 26 de xuño, cun total de 406 visitas ao punto informativo. A segunda noite, a afluencia foi de 141. Unha das cuestións nas que fai fincapé a responsable de Igualdade é no feito de que máis do 75% das persoas que solicitaron información corresponden a mozos e mozas adolescentes. “Para nós é moi importante que a mocidade se implique neste tipo de iniciativas e sexa parte activa na loita pola erradicación de comportamentos machistas”, indica Silvia Díaz. Ademais, nesas dúas noites tamén houbo xente maior de 60 anos que se achegou ata o ‘Punto lila’. “Todas estas persoas recibiron información acerca dos recursos existentes e sobre como hai que detectar e actuar ante unha agresión sexista”, explicou a tenente de alcalde. A maiores, as técnicas de Igualdade repartiron vasos reusables e pulseiras reflectoras co lema da campaña Festas de Poio Seguras. Todo este material inclúe un código QR impreso, a través do cal, mediante o uso de dispositivos móbiles, os usuarios e usuarias poden acceder a un espazo habilitado na páxina web do Concello de Poio, no que se ofrece un decálogo de identificación e actuación ante comportamentos sexistas, así como de información de contacto e recursos de interese.
Outro aspecto a salientar é que aproximadamente un 64% do asesoramento realizouse a mulleres (364 usuarias), e un 36% a homes (193). “En liñas xerais, a xente amosou a súa satisfacción por poder contar con este servizo durante as festas”, salienta Silvia Díaz, que engade que “tanto entre a adolescencia como entre a xente adulta e maior detectamos un claro rexeitamento contra as agresións sexistas”. É por iso polo que a tenente de alcalde amosa a súa satisfacción polo resultado desta primeira toma de contacto da campaña. “Temos claro que os ‘Puntos lila’ son moi necesarios no ámbito da prevención, toda vez que contribúen a que todas as persoas poidan gozar con seguridade nos espazos de lecer, fomentando deste xeito un contexto de igualdade”, finalizou.
Cómpre lembrar que, durante o Armadiña Rock, o ‘Punto lila’ que se instalará na Praza da Chousa estará operativo entre as 22.00 e as 2.00 horas do día seguinte. Tamén haberá, a maiores, outro punto de encontro no espazo de acampada que se habilitará na Seca. Neste caso, cun horario de 19.00 a 22.00 horas. A realización desta campaña enmárcase dentro do IV Plan de Igualdade do Concello de Poio e conta con financiamento obtido dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia 22/23.