fbpx

O concello de Poio e, máis concretamente, o pavillón polideportivo da Seca é o escenario elixido para acoller a terceira xornada da Liga Galega de Halterofilia. Esta cita terá lugar o vindeiro sábado, día 25 de xuño, e será con entrada libre. Así o confirmou a concelleira responsable da área de Deportes, Marga Caldas (BNG), que, acompañada por responsables da organización e da Federación Galega de Halterofilia, deron a coñecer os detalles desta proba.

A competición contará cun total de cinco quendas diferentes, ao longo de toda a xornada. As probas darán comezo ás 9.00 horas e prolongaranse ata última hora da tarde. En concreto, as seguintes serán ás 11.15, 13.30, 16.00 e 18.15 horas. Logo das dúas primeiras xornadas, restan outras tantas para finalizar o campionato, que agora mesmo está liderado, tanto en categoría masculina como feminina polo Club Halterofilia A Coruña. Na xornada do vindeiro venres daranse cita deportistas que representan a nove clubs nas probas masculinas. Ademais do líder, tamén toman parte os de Cambre, Ourense, Sulyos, Vigo, Lugo, Rías Baixas, Brigantium e Búnker. Seis destes clubs tamén compiten en categoría feminina.

A concelleira de Deportes anima á veciñanza a acudir a presenciar esta proba, que “pertence a unha disciplina quizais non tan coñecida coma outras especialidades, pero que tamén pode resultar moi espectacular”. Ademais, Marga Caldas tamén resaltou o compromiso e a capacidade de Poio á hora de acoller probas e eventos deportivos a nivel galego e nacional. “Hai que agradecer o interese dos e das responsables da organización por elixirnos e destacar o traballo que se fai á hora de acoller este tipo de probas”, indicou Caldas Moreira.

 

Go to top