fbpx



A pasada semana remataba o curso de recepcionista de aloxamentos turísticos, a cuarta proposta formativa impulsada nos últimos meses pola Concellería de Promoción Económica. O seu responsable, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), informa de que preto de 90 persoas inscribíronse nas catro formacións que se desenvolveron no Centro da Reiboa, na parroquia de San Xoán. Ao anteriormente mencionado hai que sumarlle o de loxística e distribución de carretilla elevadora, o de limpeza hospitalaria e o de expendedor de combustible. “En realidade, para finalice o programa superaremos os 100 inscritos e inscritas, toda vez que xa non quedan prazas para a sesión sobre caixa e reposición coa que remataremos o ciclo no outono”, explica o concelleiro do Goberno municipal. Este curso, que dará comezo o 19 de setembro e finalizará o 10 de outubro, xa completou o 100% das prazas ofertadas.

Agís recorda que esta iniciativa está dirixida a xente que se atopa en situación de desemprego, dándoselle prioridade nas anotacións á veciñanza de Poio. En todo caso, o titular de Promoción Económica e Urbanismo apunta que estes cursos “tamén espertaron moito interese entre residentes noutros concellos da bisbarra, que se puxeron en contacto co Concello para solicitar información sobre os ciclos”. Neste sentido, o edil socialista sinala que “á hora de configurar a programación e a temática cos cursos tivemos moi en conta as necesidades dos e das demandantes, de xeito que a formación lles resulte útil para acceder a postos de traballo vencellados a sectores dinamizadores no noso concello, como é o caso dos servizos, a hostalería ou o comercio”.

En total, o programa consta dun total de 200 horas de formación, cun 50% correspondente a sesións teóricas e outro tanto a prácticas. Estas últimas desenvólvense en empresas da contorna, polo que Agís confía en que “a inserción laboral sexa elevada”. A todos estes cursos hai que sumar, ademais, os que se impulsan en colaboración coa Asociación de Empresarios EnPoio, como foron os de uso de redes sociais e de elaboración de contidos.

Os niveis de paro seguen descendendo

Por outra banda, o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo referiuse aos datos sobre o desemprego correspondentes ao pasado mes de maio, no que se confirma a tendencia á baixa do último ano. A día 31 Poio contaba con 955 persoas en paro, o que supón un descenso de 30 con respecto a abril. Esta cifra é a máis baixa nesta época do ano no último lustro, baixándose por primeira vez dos 1.000 desempregados e desempregadas no quinto mes do ano desde 2019. “Tanto en 2020 como en 2021 os efectos da crise sanitaria da COVID-19 fixéronse notar, ao igual que na maioría dos concellos da contorna. Pero Poio é un municipio dinámico, con recursos e nós imos continuar traballando para impulsar a formación, o emprendemento e a inserción laboral”, conclúe Gregorio Agís.

 

Go to top