fbpx


Deste este venres a veciñanza xa pode solicitar os permisos para o prendido de cacharelas e a realización de grelladas, no caso da hostalería, durante a noite de San Xoán. Como principal novidade con respecto a 2020 e 2021, nesta ocasión autorízanse as fogueiras en lugares privados e tamén públicos, se ben haberá que cumprir en todo momento cos requisitos de seguridade pertinentes. No caso dos areais, permitirase o prendido de cacharelas exclusivamente na praia de Raxó, a do Laño, Lourido, Ouriceira, O Padrón e Campelo. As instancias pódense cubrir a través da Sede Electrónica do Concello. No caso de optar pola vía presencial, requirirase cita previa.

Descargar Instancias

Cacharelas de San Xoán | Grelladas de San Xoán

Cacharelas de San Pedro |Grelladas de San Pedro

 

O prazo pecharase o vindeiro venres, 21 de xuño. Posteriormente, do 22 ao 26, abrirase un novo período de solicitudes para as cacharelas e grelladas de San Pedro (28 de xuño). Neste caso, o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, puntualiza que non se permitirán nas praias.

En canto aos requisitos a cumprir, lémbrase que a persoa solicitante será a responsable do cumprimento das devanditas normas. Non estará permitido o emprazamento dun asador en zonas públicas e o volume do combustible da fogueira non poderá sobrepasar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura. Ademais, a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros no caso das grelladas e de 12 no caso das cacharelas. Martínez Blanco incide tamén na importancia de que se teña coidado de non situar as fogueiras e as grelladas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nas proximidades non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Ademais, as persoas responsables das cacharelas deberán ter en conta cuestións relacionadas coa meteoroloxía, como a aparición de vento á hora do prendido e o mantemento das grelladas e fogueiras. Prohíbese, asemade, a queima de pneumáticos, plásticos, aceites ou escumas de poliuretano, así como calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tampouco se permitirá botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables. Por último, todo deberá quedar recollido antes das 10.00 horas do día posterior ás fogueiras.

 

 

 

 

 

 

 

Go to top