fbpx

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), presentou hoxe, acompañada por integrantes da directiva da Asociación de Veciños de Campelo, os detalles da XXXIII Maratón de Fátima, que se disputará este sábado, 14 de maio, a partir das 18.00 horas coas probas para a rapazada (a carreira da categoría absoluta iniciarase ás 18.45 horas). Será esta unha edición moi especial, xa que, tal e como lembrou a propia edil do Goberno local, “Campelo recupera unha proba deportiva emblemática, que nos últimos anos non se puido desenvolver por mor da pandemia da COVID-19, e, ademais, formará parte, como xa era habitual en tempos pasados, da programación das Festas da Fátima, que organiza a Comisión de Festas de Campelo nesta fin de semana”, recalcou Caldas Moreira, que puxo en valor o esforzo e dedicación dos colectivos para “poder ofrecer á veciñanza unha programación lúdica do máis variada para estas xornadas”.

Con respecto á carreira, Caldas explicou que as inscricións pecharanse este mércores 11 de maio, que se poden realizar na web https://cronotec.es/ins.html, e salientou o bo ritmo de anotacións. “Actualmente contamos xa con máis de 150 participantes nas diferentes categorías”, sinalou a titular de Deportes, que lembrou que haberá varios grupos para as crianzas, divididos en función das idades (de 8 a 16 anos, con percorridos que irán desde os 400 aos 1.200 metros). Pola súa banda, a proba absoluta será de 5 quilómetros, a completar realizando dúas voltas a un circuíto que partirá e finalizará na Praza da Granxa. Os e as corredoras atravesarán As Cachadas, Beiramar, O Cruceiro, parte da senda da Ostreira, Eirados e de novo Beiramar, ata finalizar na praza pública. “É un circuíto pensado para poñer en valor o núcleo de Campelo, ao mesmo tempo que se limitarán ao mínimo posible os cortes de tráfico”, explicou Marga Caldas, que sinalou que haberá un operativo habilitado entre as 17.30 e as 20.30 horas.

A concelleira nacionalista confía en que Campelo “viva unha gran xornada de deporte” este sábado e, unha vez máis, incidiu na importancia de poñer en valor “a colaboración e traballo da veciñanza para facer realidade este tipo de eventos, como son as probas deportivas e as festas”.

 

Go to top