fbpx

As concellerías de Turismo e de Promoción Económica presentarán esta semana o Plan de Sostibilidade Turístico en Destinos, un documento cuxa aprobación permitirá ao Concello de Poio acceder a fondos Next Generation, co obxectivo de continuar impulsando iniciativas que axuden a consolidar ao municipio como un destino de referencia. A tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e Gregorio Agís (PSOE), responsables de ambos departamentos, mantiveron varias reunións de traballo con integrantes da Asociación de Hostalería e profesionais participantes no programa Descubre Poio, para perfilar este plan.

Díaz e Agís sinalan que o eixe sobre o que se sustenta esta aposta ten que ver coa enogastronomía, que combina o atractivo culinario co vinícola. Neste proxecto tamén están volcados grandes referentes neste eido, como son os ‘chefs’ e empresarios locais Pepe Solla e Xosé Cannas, de Pepe Vieira, que están ao frente dos restaurantes que ostentan as dúas Estrelas Michelín existentes no municipio. A presentación do plan terá lugar este venres, ás 11.30 horas, no Casal de Ferreirós, á que asistirán represntantes da Asociación de Hostaleiros e de EnPoio, así como a profesionais que participaron no Descubre Poio.

Tanto Silvia Díaz como Gregorio Agís salientan tamén a implicación dos e das profesionais da hostalería e o sector turístico que tomaron parte nas reunións. Todos e todas eles participaron na enquisa realizada polos departamentos municipais. Un cuestionario co que se pretende focalizar e definir tanto os grandes recursos turísticos de Poio como detectar servizos, actuacións ou recursos que precisan ser potenciados, a xuízo do sector. “Queremos aproveitar a experiencia coa que xa conta o Concello de Poio na consecución de fondos europeos para impulsar un proxecto que suporá un antes e un despois para o sector turístico local”, indican os dirixentes municipais.

 

Go to top