fbpx

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, lembra que xa está aberto o prazo para poder participar no Concurso dos Maios, que terá lugar o domingo día 1, a partir das 11.00 horas, na explanada da Seca, na parroquia de San Xoán. O período permanecerá aberto ata o xoves 28 de abril (inclusive) e as tramitacións poden realizarse de xeito telemático a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial no Consistorio, se ben para isto será preciso solicitar cita previa. A edil do Goberno local presentou, acompañada pola presidenta do Ateneo Corredoira de Combarro, Patricia Pérez, o cartaz do evento, que neste 2022 vivirá “unha edición moi especial”, toda vez que se trata da primeira celebración logo da suspensión da cita en 2020 e 2021 por mor da pandemia da COVID-19.

“Recuperamos unha festa chea de tradición e moi vencellada á historia do noso concello”, lembra Rodríguez Alonso, que, tal e como xa se adiantou no seu momento, ofrecerá máis de 5.000 euros en premios. Ademais do certame, a Praza da Chousa acollerá pola tarde (18.00 horas) a Mostra de Maios, organizada polo Concello e polo Ateneo, e que “tamén adquire unha gran relevancia no ano no que se cumpre medio século desde a definición do núcleo de Combarro como Conxunto Histórico”.

As bases do concurso poden consultarse na páxina web do Concello.  Todos os maios participantes contarán de partida con dúas roscas de agasallo e unha dotación de 200 euros por inscribirse. Con respecto ás categorías, premiaranse os tres  deseños que obteñan as puntuacións máis altas por parte do xurado nas categorías de Mellor Conxunto, Mellor Maio, Mellor Copla, Mellor Coroa, Mellor Actuación e Mellor Barco Galego tradicional.

Tanto o concurso como a mostra estarán amenizados con actuacións de grupos tradicionais locais. Así, A Asociación Vides Novas actuará na Seca, mentres que pola tarde haberá un concerto a cargo da Escola de Música Tradicional. A concelleira de Cultura lembra que, en caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, habilitarase unha carpa na explanada da Seca. Raquel Rodríguez e Patricia Pérez fixeron un chamamento para que a veciñanza “veña a gozar en familia dos maios, as coplas e, en definitiva, dun festexo que recuperamos por todo o alto”. Este evento inclúese na axenda cultural Verbas en Flor, impulsada polo departamento de Cultura, en colaboración con Memoria Histórica, Medio Ambiente e Dinamización Lingüística, e aglutina citas que se desenvolven en Poio ao longo de toda a primavera.

 

Go to top