fbpx

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acolleu este venres o acto de presentación dos deportistas e da nova tempada do GD Supermercados Froiz, un dos clubs de referencia do municipio. O evento serviu para dar a coñecer aos integrantes dos equipos que competirán ao longo deste curso, que xa é o número 34 desde o nacemento da entidade. Como non podía ser doutro xeito, a cita tamén serviu para lembrar e render homenaxe a Magín Froiz, fundador do club e de Supermercados Froiz e falecido o pasado mes de marzo aos 78 anos.

No acto  estiveron presentes personalidades como o alcalde de Poio, Luciano Sobral; o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e membros dos catro grupos que compoñen a Corporación municipal. A encargada de inaugurar o acto foi a edil de Deportes, Marga Caldas, que amosou o seu convencimento de que "esta cita suporía un motivo de orgullo para Magín, tanto polo seu equipo como polo seu concello". Caldas destacou o "eterno agradecemento" de Poio cara a súa figura, xa que "cada iniciativa e cada actividade contou sempre co seu apoio. O GD Supermercados Froiz transmite os valores de Magín Froiz", sinalou.

O encargado de pechar as intervencións foi o alcalde, Luciano Sobral, que tamén salientou o espírito altruísta do empresario afincado no concello desde hai moitos anos. Ademais, celebrou o feito de que Poio acollese por primeira vez a  presentación oficial dun equipo "do que nos sentimos profundamente orgullosos de que leve o nome do noso municipio alá onde compite. Estamos seguros de que os seus integrantes traerán máis éxitos a sumar aos xa acadados nestes 34 anos de existencia".

Na cita actuou o Grupo Vides Novas, de San Salvador, e contou tamén coa presencia de alumnado dos colexios SEK-Atlántico e CEIP Lourido, entre os que se repartiron agasallos, ademais dos e das ciclistas do GD Supermercados Froiz. Durante o acto fíxoselle entrega á familia de Magín Froiz dun obsequio, así como aos responsables da empresa con base en Lourido.

 

Go to top