fbpx



O Concello de Poio anuncia que o vindeiro 2 de maio abrirase o prazo para a presentación de solicitudes para a obtención de prazas das ludotecas de verán. En concreto, trátanse do Campa Verán e Raxó Verán, impulsados pola Concellería de Educación, e do Espazo Concilia, xestionado polo departamento de Igualdade. En ambos casos, o período permanecerá aberto ata o venres 13 de maio (inclusive). As xestións poden realizarse de xeito telemático a través da Sede Electrónica do Concello. No caso de optar pola vía presencial no Rexistro Municipal, será preciso solicitar cita previa.

As bases dos tres campamentos poden consultarse na páxina web municipal (www.concellopoio.gal). As concelleiras responsables das áreas de Educación e Igualdade, Raquel Rodríguez (BNG) e Silvia Díaz (Avante Poio), destacan a importancia de promover este servizo, co obxectivo de “favorecer a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza, fomentando a corresponsabilidade”, ao mesmo tempo que se ofrece ás crianzas actividades que buscan fomentar valores como a integración, a convivencia e a igualdade. Estas iniciativas están destinadas a rapaces e rapazas nados entre os anos 2011 e 2018 que estean escolarizados no municipio poiense, así como fillos e fillas de persoas que teñan o seu posto de traballo en Poio.

No caso de Campa Verán e Raxó Verán, as prazas ofertadas serán 480 e 120, respectivamente. Estas actividades desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto nas instalacións dos CEIP Isidora Riestra (San Xoán) e Espedregada (Raxó). Como xa é habitual, as actividades dividiranse en dúas quendas mensuais, de 15 días cada unha. En canto aos prezos, a cota por quincena para o Campa Verán será de 30 euros, mentres que no Raxó Verán ascende a 25. Haberá descontos en función do número de cativos ou cativas que se inscriban por familia. Os horarios serán de 7.30 a 15.00 horas no caso da actividade do Isidora Riestra e de 9.00 a 14.00 horas no Espedregada. Xa están dispoñibles as BASES e maila INSTANCIA.

Polo que respecta ao Espazo Concilia, este desenvolverase entre o 1 de xullo e o 9 de setembro nas instalacións do CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador, con capacidade para acoller a 30 crianzas. As cotas serán de 25 euros para os meses de xullo e agosto, mentres que a tarifa de setembro por praza será de 10 euros. O horario da actividade será de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Xa están dispoñibles as BASES e maila INSTANCIA

As concelleiras de Educación e Igualdade apuntan que o vindeiro 30 de maio publicaranse na Sede Electrónica as listaxes provisionais de crianzas admitidas. A relación definitiva darase a coñecer o 6 de xuño. O proceso de selección farase tendo en conta criterios como a situación laboral e sociofamiliar dos e das aspirantes.

 

Go to top