O Consello Municipal de Cultura aprobaba, o pasado 16 de outubro, as bases que rexerían o Concurso de Tarxetas de Nadal 2017. Publicadas e difundidas a través de diferentes medios de comunicación e rematado o prazo de presentación dos traballos, o 15 de novembro, o xurado, compostos polo Consello Municipal de Cultura, fallou este concurso na chuviosa tarde onte.

Dun total de 413 traballos, os representantes de cada asociación preseleccionaron un total de cinco tarxetas por cada unha das parroquias, sendo o Consello na súa totalidade, unanimemente, quen elixiu as cinco tarxetas gañadoras, representativa de cada parroquia, resultando gañadores:

Parroquia de Samieira: Faidah Serantes Zahara

Parroquia de Raxó: Adriana Noelia Ruano Martínez

Parroquia de Combarro: Daniel Pérez Gómez.

Parroquia de San Xoán: Gerardo Manuel Becerra Balboa

Parroquia de San Salvador: Lara Rodríguez Pintos

As asociacións culturais Ateneo Corredoira, Boureante, SCD Samieira, SCD Raxó e Vides Novas, a representación política e a Presidenta do Consello, a concelleira delegada de Cultura e Festexos, Lidia Salgueiro, compoñentes do xurado, trasladan os parabéns aos gañadores e gañadoras e animan a todos os finalistas a continuar participando en vindeiras edicións.

Asemade, destacan a boa participación desta edición, posto que se presentaron case 190 traballos máis que na edición do ano anterior e agradecen aos colexios e ó profesorado de todos os centros do municipio a súa colaboración, ao animar ao alumnado a elaborar as tarxetas e a participar destas iniciativas. A creatividade e a calidade das tarxetas vai en aumento cada ano, e o xurado tivo unha longa deliberación na elección dos traballos gañadores.

Esta mañá, a propia Concelleira de Cultura informada da boa nova a cada un dos afortunados e as súas familias, convidándoos a participar, como cada ano, no acto de entrega de premios (60€ e un agasallo conmemorativo) que terá lugar na xornada do 5 de Xaneiro, cando se celebre a festividade de Reis.

 

Vindeiros Eventos